As Magas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL RINCÓN ABIERTO

OPINIÓN

10 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vou entrar na polémica de se está ben ou mal poñer Magas en lugar de Magos. Nin sequera do que lle pasou ao Papa, tan innovador, co mesmo tema. Non. Nestas datas, o único que eu miro é os ollos dos nenos. Porque, por sorte, os pícaros que me rodean non pasan fame. Nin medo. Son todos uns afortunados. Quizais por iso, tamén, non me deteña nos traxes ou nas barbas de Melchor e amigos. Pero non vén de agora. Sempre o fixen. Pasei por alto as Mamá Noel de traxes axustadísimos e curtísimos, que deixaban ver sen ningún tipo de dúbida que a súa roupa interior era da mesma cor que as botas: encarnadas. Dábaselle moitísima importancia xa daquela a levar os traxes axeitados. Nada de ir cutre. Non. De minisaia e ensinando escote. Porque niso de ir medio espidas, as mulleres Mamá Noel tamén seguían o costume da época. Ou non? Papá Noel, que é un home, leva un mono contra o frío, unha longa barba, un gorro... As Mamá Noel, de onde saíron? Porque se non pode haber magas (que non digo que teña que habelas), Mamás Noel, tampouco. E se os de Oriente teñen que ir ben vestidos, as de Laponia que fan collendo pulmonías por aí adiante? Que quiten as Magas, si. Pero antes que eliminen a todas as Mamá Noelas sexis que esta sociedade inventou. E non protestou ninguén!